Thursday 25 de April de 2024

Comunicado de prensa do Partido Popular da Laracha


Por iniciativa do Grupo Provincial do Partido Popular, no último Pleno da Deputación da Coruña foi aprobada por unanimidade a moción relativa á mellora integral da estrada DP-1913 entre A Laracha e Canteiras El Pozo.

O acordo establece os seguintes compromisos que asume a Deputación Provincial:

PRIMEIRO.- Redactar, establecer as fases de actuación e executar o proxecto de mellora da estrada DP-1913 entre A Laracha e Canteiras El Pozo para ofrecer as condicións oportunas de amplitude da plataforma da calzada e de seguridade para os peóns, automóbiles e vehículos pesados nesta vía vertebradora das comunicacións rodadas para o termo municipal da Laracha.

SEGUNDO.- Executar ou financiar integramente o proxecto de humanización do tramo urbano da DP-1913, isto é, a Avenida Doutor López Astray, que abarca unha lonxitude de 545 metros entre os puntos de confluencia coa Avenida Fisterra e a rúa Santiago, sometido ás limitacións legais oportunas.

Desde o Partido Popular da Laracha celebramos a aprobación desta iniciativa proposta polo Grupo Provincial do Partido Popular porque as actuacións reclamadas son demandadas desde hai anos ante o volume de tráfico que presenta esa estrada.

A DP-1913 é a principal vía de acceso das parroquias de Coiro, Soandres e Erboedo (tamén discorre por Torás e Lestón), dirixe ó aeroporto de Alvedro, á Coruña pola terceira rolda, á A-6 e, ademais, soporta tráfico pesado ó servir de comunicacións entre os parques empresariais da Laracha, Carballo, Ledoño e Cerceda.

Para o tramo urbano da DP-1913, a Avenida López Astray, desde o Concello da Laracha xa se presentara á Deputación un proxecto valorado en 1,3 millóns de euros para converter a céntrica rúa nun lugar máis accesible e no que se optimice o equilibrio entre os peóns e os vehículos.

Tralo acordo unánime do Pleno da Deputación, que é idéntico ós tomados no Pleno do concello, desde o Partido Popular da Laracha agardamos que as actuacións se realicen á maior brevidade por tratarse de proxectos estratéxicos para a mobilidade no termo municipal.